Wednesday 15 de May de 2024

Máis de 800 persoas participan na gran festa de recepción dos Reis Magos en Brión


O Rei Melchor pediu un mundo “libre de guerras e de terrorismo”, un futuro sustentable para o planeta e unha sociedade máis solidaria

Máis de 800 persoas participaron na gran festa de recepción aos Reis Magos que o Concello de Brión organizou no pavillón polideportivo municipal de Pedrouzos. Os de Oriente foron saudados polo alcalde, en representación do pobo de Brión e despois recibiron os centenares de cativos para repasar as súas peticións para esta noite e recibir os primeiros agasallos.

Melchor, Gaspar e Baltasar entraron no recinto pasadas as cinco da tarde acompañados pola música da Charanga do Norte e entre a emoción e os aplausos dos máis pequenos. De seguido, procederon á ofrenda ao Neno Xesús no Belén Vivente escenificado no propio pavillón, que contou cunha vaca, dous burros, dous ponis e tres ovellas. Tras subir ao escenario engalanado para eles, o alcalde, Xosé Luis García, deulles a benvida aos Reis Magos e fíxolles ver que “os nenos de Brión son os mellores nenos do mundo, e os seus pais tamén”, apelando así á súa xenerosidade.

Na súa contestación, o rei Melchor advertiulles a todos de que “tedes a sorte de vivir nunha terra que celebra estas festas en paz e liberdade”. O Mago tivo palabras de lembranza para a infancia de París, Siria ou Bagdad e desexou que no novo ano comece “un futuro esperanzador libre de guerras e de terrorismo” en todo o mundo. Defendeu tamén o respecto pola sustentabilidade do planeta e emprazou á sociedade a ser solidaria.

Con respecto a esta noite, Melchor lembroulles aos cativos a necesidade de que “deixen os zapatos ben colocadiños e limpiños” para saber onde teñen que deixar os agasallos e tamén pediu que lles deixen leite e galletas para repoñer forzas na extensa tarefa que teñen por diante nas vindeiras horas.

Tras estes actos protocolarios, os Reis Magos foron recibindo un a un a todos os nenos e nenas. Escoitaron todas as súas peticións e fixeron entrega de diversos agasallos como adianto da ilusión desta noite. No recinto, entregáronlles tamén de balde flocos de millo e chocolate preparado pola asociación de mulleres Xuntanza de Brión. O Concello agradece a colaboración desta entidade e tamén dos distintos voluntarios que axudaron a recrear o Belén Vivente e a decorar o polideportivo para a recepción dos Reis Magos.